Noticias

[O tráfico de contedores en Ferrazo voltará hoxe á normalidade. YAEL D. ]

15/07/2009   Contenemar aboa tres pagos aos estibadores, que hoxe volven a traballar

Diario de Arousa

DAMIÁN PEREIRA > VILAGARCÍA


Os traballadores das empresas encargadas da estiba e desestiba de contedores de mercadorías no peirao de Ferrazo, Tercovi e Contenemar, volverán hoxe ao traballo despois de que a concesionaria deste servizo portuario lles prometera facer fronte ás mensualidades adebedadas.
A Unión Xeral de Traballadores (UGT), que foi o sindicato que convocou a folga indefinida no sector da estiba vencellado a Contenemar, congratulábase onte de poder retomar a normalidade e, con iso, evitar graves perxuízos para a economía da cidade e de toda a comarca, moi afectada pola posible paralización das descargas chegadas pola rada vilagarciá.

De feito, para esta mesma mañá, ou quizais o vindeiro venres, está prevista a chegada dun barco cargado de contedores que, de continuar a folga, non podería ter descargada a súa mercadoría.


Acordo > A volta á normalidade fraguouse onte á mañá, nunha reunión mantida por traballadores e responsables de Contenemar nas instalacións da empresa na rada vilagarciá.

A firma concesionaria comprometeuse a facer fronte aos pagos adebedados aos seus traballadores de inmediato. De feito, no mesmo día de onte, Contenemar xa ingresara aos traballadores tres das mensualidades atrasadas. No caso da cuarta, a firma asegura que fará o abono a finais de mes ao tempo que ingrese o pago correspondente a xullo.

Con todo, tanto máis importante que a seguridade de ter cobrado o que estaba pendente, para os empregados o factor decisivo é a promesa da concesionaria de que a partires de agora fará efectivos os pagos puntualmente e con total normalidade.


Crise > Outro aspecto de grande importancia nas negociacións de onte foi o da compensación aos oito empregados aos que Contenemar lles rescidiniu o contrato no que vai de ano.

A idea inicial dos seus compañeiros era que voltasen aos seus antigos postos de traballo, pero a empresa argumentou que estes despidos debéronse a causas vencelladas á importante crise económica pola que está atravesando a firma.

Non obstante, Contenemar aceptou indenminzar económicamente a todos os estibadores que se quedaron sen emprego. Aboaralles 45 días de traballo por ano a cada un deles, algo que serviu para satisfacer as demandas do actual plantel, que hoxe mesmo retomará a súa normal actividade en Ferrazo.